Os socialistas de Monfero demandan a Sanidade que cubra de forma definitiva a xubilación dun médico e o traslado da pediatra do centro de saúde

Os socialistas de Monfero amosan a súa preocupación e a do conxunto da veciñanza pola xubilación do médico Elías González e a marcha da pediatra que consultaba os venres pola mañá no centro de saúde de Monfero.

De feito, o tenente de alcalde de Monfero, Alberto Cortizas, reuniuse a semana pasada co responsable da Xerencia da Área Sanitaria de Ferrol, Ángel Facio, ante o problema xurdido.

“Mostreille ao xerente a nosa preocupación e soliciteille a reposición desas prazas no menor tempo posible e de xeito estable; Monfero debe manter dous médicos, polas características singulares do municipio e o envellecemento da poboación”, afirma Cortizas.

“A situación ante a que nos atopamos está a crear unha gran preocupación e malestar no conxunto da veciñanza”, sostén Andrés Feal, alcalde de Monfero.

Aínda que na citada reunión, o xerente da área sanitaria comprometeuse a non amortizar a praza de médico que quedou vacante, manifestou tamén a dificultade que ten a xerencia na actualidade para cubrir a praza vacante de médico de xeito estable, pois non hai médicos dispoñibles nas listas de contratación de Ferrol, Coruña ou Lugo.

“O Sergas vai tratar de cubrir o servizo de forma temporal con médicos que teñan turno de tarde noutros concellos para que poidan vir a Monfero dous ou tres días á semana polas mañás, pero os socialistas demandamos unha solución definitiva”, engade Feal.

“En canto ao servizo de pediatría, o xerente confirmounos que seguirá existindo, e que unha nova pediatra virá os mércores pola mañá, como así o fixo xa o mércores pasado, pero estaremos moi pendentes tamén a este servizo”, conclúe Cortizas.

Algunhas novas relacionadas