A Deputación encarga un proxecto para a construción dunha senda peonil en Dodro que conectará Manselle coa estrada AC-305

A Deputación da Coruña encárgalle ao Concello de Dodro a redacción dun proxecto técnico para a construción dunha senda peonil de aproximadamente dous quilómetros de lonxitude na marxe da estrada provincial DP-3302, que conectaría a zona de Manselle coa estrada autonómica AC-205 e o enlace á autovía AG-11.

O alcalde de Dodro, Xabier Castro, trasladoulles ao presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e ao deputado provincial Antonio Leira a importancia para o municipio desta infraestrutura, que mellorará a seguridade das veciñas e veciños dos núcleos de Tallós, Eiro, Tarrío, A Igrexa e Manselle nos seus desprazamentos a pé, para os que actualmente carecen dunha zona de paso seguro, nunha estrada provincial que apenas conta con cinco metros de ancho.

Castro Tourís explicou que, “ademais de vertebrar unha parte importante do municipio, a senda permitirá un acceso seguro para os peóns á Casa do Concello, un local social, o campo de fútbol de Chenlo ou a igrexa de San Xulián de Laíño”.

González Formoso afirmou que o proxecto pode encadrarse nos plans de sendas que a Deputación está a impulsar na rede de estradas provincial e pediulle ao alcalde a redacción dun proxecto para avaliar co departamento de Vías e Obras a viabilidade técnica e económica dunha obra “que ten todo o sentido para a veciñanza de Dodro”, apuntou.

Doutra banda, o alcalde de Dodro pediu tamén o apoio da Deputación para un proxecto de sinalización de vías nas que se dea prioridade ao uso ciclista, nas que se limitaría a velocidade dos vehículos de motor e se advertiría da necesidade de gardar as distancias necesarias para efectuar os adiantamentos en condicións de seguridade.

Proxectos para fixar e atraer nova poboación ao municipio

Valentín González Formoso interesouse tamén polos proxectos que está a desenvolver o goberno municipal de Xabier Castro Tourís para fixar e atraer nova poboación no rural.

O alcalde explicou iniciativas como a que desenvolven en colaboración coa ONG Provivienda para ofrecer vivenda a prezo accesible e oportunidades laborais ás familias que desexen fixar a súa residencia en Dodro. Unha iniciativa que o goberno municipal xa levou a cabo con dúas familias, hoxe perfectamente integradas no municipio, “o que nos permite gañar poboación, ter máis nenos e manter abertos servizos fundamentais para o noso pobo como os CRA (colexios rurais agrupados)”

Xabier Castro trasladou tamén ao presidente da Deputación os detalles doutro proxecto que pretenden desenvolver para atraer ao municipio as familias das áreas urbanas de Galicia ou España que estean interesadas en trasladar o seu lugar de residencia ao rural, unha tendencia que se está a incrementar no último ano coa implantación do teletraballo, que fai que moitas persoas opten desenvolver a súa actividade laboral desde zonas rurais nas que dispoñen dunha maior calidade de vida para eles e as súas familias.

González Formoso destacou “a iniciativa do Goberno municipal de Dodro para enfrontar o baleirado do rural, que é tamén un dos obxectivos estratéxicos do goberno provincial” e dixo que a Deputación estudará fórmulas para apoialos ou incluso estendelos a outros municipios rurais da provincia da Coruña.

Algunhas novas relacionadas