Os socialistas de Irixoa demandan á Deputación da Coruña a ampliación e mellora do trazado da estrada DP-3903, que conecta o concello con Vilarmaior

Os socialistas de Irixoa demandan á Deputación da Coruña un proxecto para ampliar e mellorar a estrada DP-3903, un vial moi transitado que conecta o concello con Vilarmaior.

María José Cal e Juan Medín, da agrupación socialista de Irixoa, mantiveron unha reunión na Deputación con Bernardo Fernández, portavoz do goberno provincial, para explicarlle o proxecto.

“A nosa proposta é dar continuidade ao tramo que a Deputación realizou en Vilarmaior, ampliando a plataforma da estrada de cinco a oito metros e renovando o trazado, sinuoso e perigoso en algunhas curvas”, explica María José Cal.

A tramo da estrada no termo municipal de Irixoa ten unha extensión de 6,5 quilómetros, polo que posiblemente a actuación deba acometerse por fases.

“Os veciños piden máis seguridade, eliminando determinados puntos negros na estrada e suavizado algunhas curvas, xa que falamos dunha estrada de moito tránsito”, engade a portavoz dos socialistas de Irixoa.

Ademáis deste proxecto, o PSOE de Irixoa solicita tamén a instalación de captafaros na estrada que une Irixoa con Paderne.

Os socialistas agradecen a receptividade da Deputación a esta demanda na DP-3903, que a institución provincial estudará polo miúdo para decidir a mellor redacción do proxecto e posterior investimento.

 

Algunhas novas relacionadas