Os socialistas de Fene presentan na Deputación da Coruña un plan para renovar os parques infantís do municipio

Os socialistas do Concello de Fene presentaron na Deputación da Coruña un plan para renovar os parques infantís do municipio, algúns deles moi deteriorados e que a día de hoxe son fundamentais pola necesidade de potenciar as actividades ao aire libre.

As concelleiras socialistas de Obras e Servizos, Mar Piñeiro, e Medio Ambiente, Marta Pereiro, mantiveron unha reunión para explicarlle o proxecto con Bernardo Fernández, portavoz do goberno provincial. O investimento que os socialistas de Fene consideran necesario para renovar os parques ronda os 200.000 euros.

“Algúns dos parques están moi deteriorados e hai elementos que deben ser retirados, pola súa perigosidade e por non cumprir a normativa vixente”, explica Piñeiro.

“Falamos sobre todo do parque do Souto en Sillobre, do parque Limodre, o parque na praza das vivendas verdes ou praza de Rosalía en Perlío, e o parque O Feal, en Magalofes”, engade.

“Queremos agradecer a receptividade da Deputación, que se comprometeu a estudar este proxecto ambicioso de recuperación e adecuación das áreas de xogo, co obxectivo de darlles un impulso e que os nosos nenos e nenas poidan disfrutar delas en breve”, rematou.

 

Algunhas novas relacionadas