A Deputación insta á Xunta a retomar a atención presencial nos centros de saúde e a elaborar un plan urxente para a redución das listas de espera da sanidade pública

O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe unha moción presentada polos grupos provincial do PSdG-PSOE pola que se insta á Xunta de Galicia a elaborar un plan urxente para a recuperación do Sistema Sanitario Público de Galicia.

No texto, que contou cos apoios de todos os grupos políticos da Corporación a excepción do Partido Popular, que votou en contra, solicítase á Xunta que elabore unha folla de ruta que permita a redución das listas de espera na atención especializada (consultas, probas diagnósticas e cirurxías) que se incrementaron notablemente durante a pandemia.

Na mesma liña, a Deputación da Coruña insta á Xunta a retomar de forma inmediata a atención presencial nos centros de saúde, limitando as consultas telefónicas aos trámites para os que foron creadas e que non precisen da consulta do persoal profesional médico”.

“As barreiras actuais de acceso aos centros de saúde, as dificultades para comunicarse cos profesionais destes centros e o difícil acceso ás especialidades hospitalarias afecta á saúde da poboación e xera un malestar tanto no persoal sanitario como a nivel social. A maiores esta situación provoca unha maior utilización da sanidade privada, o que significa unha desigualdade no acceso á atención sanitaria”, afirmou o portavoz socialistas na Deputación, Bernardo Fernández.

Por último, o pleno da Deputación insta a modificar os orzamentos da Comunidade autónoma para incrementar o número de profesionais sanitarios de Galicia, así como a dotar de estabilidade laboral a estes, poñendo fin á elevada precariedade existente actualmente no sistema sanitario galego.

Algunhas novas relacionadas