González Formoso compromete apoio da Deputación ao proxecto de APEM de construír unha residencia para maiores con enfermidades mentais na Coruña

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a deputada de Benestar Social, Ana Lamas, realizaron esta mañá unha visita á sede da Asociación Pro Enfermos Mentais (APEM) da Coruña, onde supervisaron as diferentes actividades e servizos que esta entidade ofrece a máis de trescentas persoas usuarias en diferentes municipios da área sanitaria coruñesa, e moitos dos centros nos que presta o servizo foron acondicionados co apoio económico da Deputación.

Acompañado pola presidenta de APEM, Antonia Pérez Amieiro, a xerente, Antía Muruzábal e outros membros da directiva da asociación, González Formoso percorreu as instalacións do centro, que conta con servizo de información e orientación para as familias, actividades de rehabilitación psicosocial e de inserción laboral para as persoas con enfermidades mentais.

Formoso destacou “a longa traxectoria de colaboración” entre a Deputación e APEM, “unha entidade exemplar, con catro décadas de historia na loita pola inclusión social e laboral das persoas con enfermidades mentais” que desenvolve o seu labor nas comarcas da Coruña, Culleredo, Betanzos, Bergantiños e Soneira-Fisterra e comprometeu que a institución provincial “seguirá apoiando as súas iniciativas”.

Unha residencia para maiores na Coruña

“Hoxe APEM presentou un proxecto no que nos queremos implicar e exercer o labor que ten que facer unha Deputación que é a de coordinar, tratar de buscar consensos e de dinamizar proxectos de interese social coma unha residencia para maiores con enfermidades mentais. Unha necesidade máis que xustificada para a que buscaremos a colaboración do Concello da Coruña e a Xunta de Galicia”, afirmou o presidente da Deputación, que destacou a “situación difícil que atravesan moitas persoas con necesidades especiais cando chegan a unha determinada idade”.

Vacina para usuarios de centros de día e rehabilitación

Pola súa banda, a xerente de APEM, Antía Muruzábal agradeceu a visita do presidente e a deputada “para coñecer de primeira man as necesidades da entidade e escoitar as nosas propostas” e demandou que se inclúa nos plans de vacinación ás persoas usuarias dos centros de día, centros de rehabilitación piscosocial e pisos protexidos dos que dispón a entidade, “que a día de hoxe non están vacinadas, a non ser que estean dentro dos parámetros de idade que segue o plan de vacinación, aínda que entendemos que é un colectivo especialmente vulnerable que debería estar vacinado”, afirmou a xerente da entidade.

Valentín González Formoso considerou que a demanda “ten todo o sentido do mundo” e transmitiu o seu apoio á reivindicación de APEM de que estas persoas sexan consideradas como “colectivo especialmente vulnerable”. Ademais interesouse pola vacinación do persoal que atende e presta servizos aos usuarios nos diferentes centros residenciais e de atención diúrna que xestiona a entidade na provincia.

Apoio da Deputación a APEM

Este ano, a institución provincial apoia con 17.000 euros as actividades de rehabilitación que APEM ofrece no seu Centro de Rehabilitación Psicosocial e Laboral da praza dos Chopos ás persoas usuarias que exceden das prazas concertadas co SERGAS e con 7.500 € a renovación do equipamento do centro do que dispón a entidade no barrio da Sagrada Familia.

APEM xestiona ademais o centro de rehabilitación psicosocial e laboral “Kerámicos”, na rúa da Igrexa, que dispón dun taller prelaboral de olería e cerámica ao que asisten 25 persoas usuarias e no que se elaboran diferentes pezas artísticas.

Algunhas das pezas elaboradas neste obradoiro son empregadas como regalo institucional da Deputación desde o ano 2019, contribuíndo así tamén ao importante labor social que desenvolve esta entidade.

Algunhas novas relacionadas