González Formoso ofrece o apoio da Deputación a un persoal e directiva de Jealsa “motivados para afrontar o reto da reconstrución”

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou esta mañá as instalacións de Jealsa en Boiro, onde se atopou cun cadro de persoal e directiva “motivados para facer fronte á reconstrución do lugar” despois do incendio acontecido hai uns días.

Na visita ás instalacións estiveron presentes o presidente de Jealsa, Jesús Manuel Alonso Escurís, o alcalde de Boiro, Ramón Romero, o deputado da área de emerxencias, Blas García, o portavoz do Goberno provincial, Bernardo Fernández, e representantes dos bombeiros do Consorcio Provincial Contraincendios. No encontro, González Formoso amosou o compromiso provincial para dar apoio á empresa na súa reactivación. Á súa vez, resaltou o traballo desempeñado polos bombeiros dos parques de Boiro e Ribeira, pertencentes ao Consorcio Provincial Contraindencios, nas tarefas de extinción do lume.

As lapas afectaron un total de 11.000 metros cadrados dos 79.000 cos que conta este complexo do Bodión, que acolle unha empresa referente na industria galega e española que factura arredor de 700 millóns de euros e que dá emprego a máis de 5.000 persoas.

“Nesta visita atopámonos cunha dirección e un cadro de persoal francamente motivados para afrontar o reto de reconstrución e agora, desde as administracións temos que axudar cos novos investimentos que sexan necesarios” informou González Formoso, que ofreceu ao presidente de Jealsa o apoio provincial. “Desde a Deputación xogamos un papel importante, de unión entre diferentes administracións e de ponte coa Xunta de Galicia e o goberno do Estado, para que isto sexa un campo de acordo e consenso onde axudemos a reconstruír esta instalación da que nos sentimos moi orgullosos”, sinalou o presidente provincial, Valentín González Formoso.

Pola súa banda, o alcalde de Boiro tamén puxo a disposición a axuda do Concello en todo o necesario “como non podía ser doutro xeito”, incidiu. “Xa estabamos aí tanto no día do incendio como agora, axilizando os trámites que nos estaban pedindo e que dependen do Concello”.

Pola súa banda o presidente de Jealsa, Jesús Manuel Alonso Escurís, agradeceu “a quen estivo loitando contra o lume, aos medios que estiveron informando, ás autoridades que nos están animando e facilitando todos os trámites, aos empregados polo seu traballo, aos clientes, aos provedores e aos veciños”. Na súa intervención indicou que agardan que a planta se poña en marcha nun prazo máximo dun mes desde o incendio. Tamén informou de que en non máis de 3 meses tamén estará en funcionamento unha fábrica de lombos de atún e “o gran reto de arrancar este recinto coas instalacións novas en non máis alá dun ano”.

Visita ao parque de bombeiros de Boiro

O presidente da Deputación, o alcalde de Boiro e o deputado responsable de emerxencias tamén se achegaron na súa visita ao municipio ao parque de bombeiros de Boiro, onde foron recibidos polo xerente do Consorcio Provincial Contraincendios, o sarxento do parque boirense, Francisco Sampedro, e o suboficial Mauricio Calvo.

No encontro González Formoso agradeceu o traballo que fixeron os bombeiros de Boiro e Ribeira na extinción do incendio nas instalacións de Jealsa. “Estamos a falar dun incendio que podería arrasar a maior conserveira a nivel nacional e a segunda a nivel europeo”.

O presidente da Deputación tamén aproveitou a visita para falar sobre o actual modelo de emerxencias. “A composición dos parques en Galicia é antiga e necesita dunha modificación lexislativa que aclare cal é o papel de cada quen, posto que nunha mesma zona conviven Protección Civil, GES ou parques de bombeiros provinciais”. Dentro das súas competencias, a Deputación vai iniciar agora a renovación da flota de camións do Consorcio, un gran investimento que a institución levará a cabo conxuntamente coa Xunta de Galicia, segundo anunciou.

Pola súa banda o deputado responsable de emerxencias, Blas García, que se achegou o día do incendio para ofrecer axuda institucional no que fose posible, indicou a importancia de atender as necesidades dos bombeiros e sinalou que “na medida do posible, pola parte que nos toca e nos compete desde a Deputación, axudaremos a mellorar os medios materiais e persoais dos que dispoñen”.

O alcalde de Boiro agradeceu á Deputación o seu compromiso co municipio, en especial ao presidente e ao deputado “pola preocupación que tiveron desde o primeiro momento” no incendio. “23 bombeiros fixeron fronte ao lume, cando pasa unha desgraza como esta, dáste conta da importancia destes servizos de emerxencia” indicou o rexedor boirense, que tamén a agradeceu o traballo dos bombeiros.

Algunhas novas relacionadas