Valentín González Formoso presentou o plan de axudas cos alcaldes da Coruña, Santiago e Ferrol

A Deputación da Coruña estende as axudas do REACTIVA 2 á hostalaría das cidades da Coruña, Santiago e Ferrol

Os pequenos negocios de hostalaría e axencias de viaxe das cidades da Coruña, Santiago de Compostela e Ferrol poderán solicitar, a partir do 24 de maio, as axudas do programa PEL-REACTIVA 2, un plan específico impulsado pola Deputación da Coruña para apoiar á hostalería e axencias de viaxes, que están entre os sectores máis afectados pola pandemia.

Así o anunciou hoxe o presidente Valentín González Formoso, tras reunirse na sede da institución provincial, coa alcaldesa da Coruña, Inés Rey, o alcalde compostelán, Xosé Sánchez Bugallo, o alcalde de Ferrol, Ángel Mato, e o deputado responsable da área de Emprego, José Ramón Rioboo. Tanto os alcaldes coma as asociacións de hostalaría viñan demandando que o plan provincial incorporara tamén aos autónomos e microempresas do sector que teñen o seu domicilio fiscal nas tres grandes cidades, xa que alí se concentran a maior parte dos negocios.

Valentín González Formoso explicou que a Deputación abrirá o 24 de maio o prazo de solicitudes do plan Plan Reactiva 2 á hostalaría da Coruña, Santiago e Ferrol co obxectivo de que “os 9 millóns de euros en axudas directas que poñemos agora ao dispor da hostalaría, hospedaxe e as axencias de viaxe da provincia podan chegar ao maior número de beneficiarios e coa maior axilidade posible” para axudar a reactivar un sector especialmente danado pola crise da Covid-19 e composto, en máis dun 90%, por pequenos autónomos e microempresas.

En só unha semana desde a apertura do prazo para os concellos de menos de 50.000 habitantes, a Deputación abonou case 1 millón de euros en axudas, segundo explicou o presidente provincial que subliñou que “o tempo medio de pago está a supoñer un fito histórico para a administración provincial, xa que por primeira vez estanse pagando subvencións no mesmo día en que se solicitan, sendo o tempo mínimo de 7 horas e o máximo de 3,5 días”.

Esta axilidade na tramitación supón “un punto de inflexión para adaptarnos ás demandas dun sector que precisa liquidez inmediata”, explicou o presidente da Deputación, que lembrou que todas as axudas do REACTIVA, incluídas as das grandes cidades, serán tramitadas directamente desde a Deputación e son compatibles coas axudas de outras administracións.

González Formoso destacou que, desde o inicio da pandemia, a Deputación levan destinado 25 millóns de euros en axudas directas a autónomos e microempresas dos sectores máis afectados a través dos plans REACTIVA, nun importante esforzo económico destinado a axudar a paliar os graves efectos económicos da crise.

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, agradeceu ao presidente da Deputación “que teña escoitado aos alcaldes das cidades e as súas necesidades e que dea unha resposta áxil ás necesidades da cidadanía”.

“Un importante plan de axudas que complementa plans municipais coma o PRESCO, con 14,2 millóns de euros en axudas directas”, afirmou a alcaldesa que defendeu tamén a importancia de que “as axudas cheguen rápido” e instou á Xunta de Galicia a que “tome nota deste exemplo de colaboración”.

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, destacou que o seu Goberno vén de activar as súas axudas para o comercio e hostalaría, que contan coa colaboración da Deputación, e ao mesmo tempo abrirase esta nova convocatoria provincial específica para hostalaría e axencias de viaxes.

“Estamos esforzándonos para dar unha resposta en tempo real ás demandas da sociedade e tanto a Deputación coma os concellos estamos á altura das circunstancias”, apuntou o rexedor compostelán.

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, agradeceu tamén a apertura do plan ás cidades. “Por segunda vez, a Deputación vai poñer sobre a mesa unha importante axuda para os sectores máis afectados pola crise, da que quero salientar a axilidade na tramitación. Sabemos que este sector pasouno moi mal e agora empeza a remontar. Estas axudas poden supor un respaldo definitivo para moitos negocios por parte dunha administración que sempre está no momento en que se necesita”, afirmou.

Os rexedores da Coruña, Santiago e Ferrol ofreceron tamén a colaboración dos distintos departamentos municipais para dar a coñecer as axudas e facilitar a súa tramitación.

As subvencións do PEL-REACTIVA 2, consistentes en axudas directas por importe de 1.500 euros por negocio, están dirixidas ás persoas traballadoras por conta propia ou autónomas e as microempresas que figuren dadas de alta no IAE, con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2021, en calquera dos epígrafes relativos a bares e restaurantes (agrupacións do IAE 67), hospedaxe (epígrafe 68), axencias de viaxe (epígrafe 755) e salas de festa e discotecas (epígrafe 969.1).

A presentación de solicitudes para concellos de menos de 50.000 habitantes permanece aberta e realizase de xeito integramente telemático a través da plataforma SUBTeL (https://sede.dacoruna.gal/subtel/ ).

Está previsto que a apertura do prazo de solicitudes para os negocios con domicilio fiscal nos municipios da Coruña, Santiago e Ferrol comece o vindeiro 24 de maio.

Máis información sobre esta liña de axudas na páxina web do Plan de Emprego Local:https://pel.gal/

Algunhas novas relacionadas