A Agrupación Provincial Socialista da Coruña demanda “a apertura inmediata dos centros de atención primaria para consultas e atención aos docentes”

A través dunha batería de iniciativas en todos concellos, esixe á Xunta máis medios humanos para mellorar a sanidade pública.

A Agrupación Provincial Socialista da Coruña, que lidera Valentín González Formoso, demanda “a reapertura inmediata dos centros de atención primaria para consultas e atención aos doentes, limitando as consultas telefónicas aos trámites para os que foron creados e que non precisen da consulta do persoal profesional médico”.

A través dunha batería de iniciativas que presentarán en todos os concellos da provincia, os socialistas esixen tamén “a modificación dos orzamentos de Galicia para incrementar o número de profesionais sanitarios e dese xeito poder recuperar o persoal perdido”.

“A situación da atención primaria é caótica, como así aseguran os profesionais da saúde, con moitas necesidades e carencias que deberían subsanarse para asegurar sempre a mellor atención”, afirma Jesús Pedreira, secretario de Sanidade da executiva provincial.

“Unha atención primaria fortalecida supón unha maior capacidade de funcionamento da rede de hospitais que verían, dese xeito, menos saturadas as súas propias dinámicas de funcionamento, dende a redución de entradas en urxencias ata a optimización de tempos e de diminución de listas de espera”, engade.

O envellecemento da poboación e o aumento da cronicidade supoñen problemas esenciais que ten que afrontar o sistema público de saúde. No caso de Galicia estas cuestións aumentan a súa relevancia debido ás propias condicións demográficas en termos de idade, e condicionadas tamén pola dispersión da poboación.

Para os socialistas, “o fortalecemento da atención primaria nestes casos supón unha necesidade maior para poder achegar os servizos sanitarios á poboación”.

Saúdos, Comunicacion PSOE Provincial A Coruña

Algunhas novas relacionadas