
Os deputados socialistas da Coruña no Congreso apoian aos traballadores de Repsol afectados polo ERTE
O Grupo Parlamentario de PSOE reuniuse cos representantes sindicais.
A Coruña, 7 de maio de 2021. Os deputados da provincia da Coruña no Congreso Diego Taibo e Montse García Chavarría reuníronse en Madrid, xunto a outros membros do Grupo Parlamentario Socialista, cunha delegación de traballadores de Repsol do comité negociador do ERTE dos sindicatos CCOO, UGT e STR.
Na xuntanza, os socialistas mostraron o seu apoio aos traballadores e traballadoras afectados polo ERTE que Repsol anunciou recentemente na refinería da Coruña.
Esta situación no complexo coruñés afecta a un terzo do seu persoal, máis de 200 empregados e empregadas, durante un período que se prolongará previsiblemente ata os seis meses. Os deputados socialistas expresaron o seu rexeitamento á medida anunciada pola empresa, quen “nestes anos, obtivo grandes beneficios grazas á súa actividade na Coruña”.
Ao ERTE anunciado por REPSOL na Coruña, súmase outro na refinería de Puertollano, en Ciudad Real, que afectará a máis de 600 empregados/as; e outro nas instalacións de Petronor, en Bizkaia, que compromete o posto de traballo de máis de 300 persoas.
Na reunión estiveron tamén presentes deputados vinculados a Galicia, como Guillermo Meijón e Pilar Cancela, e ás provincias de Ciudad Real e Bizkaia, Miguel Ángel González, Mayte Fernández e María Guijarro. Ademais, tamén estivo presente o voceiro de enerxía do Grupo Parlamentario Socialista, Germán Renau.
Respecto da representación sindical, acudiron José Manuel Moreno (CCOO), Antonio Carmona e Abel Tabuenca (STR) e Agustín Pérez e Francisco Javier Barragán (UGT).
Os socialistas expresaron ademais o seu desexo de que a medida “sexa revertida o antes posible e que os fondos Next Generation supoñan unha oportunidade para asegurar o futuro do emprego nestas comarcas”.
Saúdos,
PSOE Provincial A Coruña