Montserrat García destaca a importancia dos 1,3 millóns de euros en axudas aprobadas polo goberno para varios proxectos xeradores de emprego nas Pontes e Cerceda

O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco), a través do Instituto para a Transición Xusta, aprobou axudas por valor de máis de 1,3 millóns de euros para financiar varios proxectos xeradores de empregos en concellos afectados polo proceso de peche das centrales termoeléctricas de carbón.

“Levamos meses demandando no Congreso iniciativas e axudas concretas para municipios como As Pontes e Cerceda, polo que estas axudas son moi necesarias e deberán chegar máis para darlle alternativas de emprego aos traballadores afectados”, asegura a deputada socialista galega Montserrat García.

En concreto, Miteco aprobou unha axuda de 77.798 euros para reformar e adecuar o edificio da antiga escola de Xesteda (Cerceda), co obxectivo de convertela nun local de servizos administrativos e para a realización de actividades educativas, culturais e lúdicas, así como a utilización de parte do edificio como local veciñal.

A súa posta en funcionamento implicará a contratación de polo menos 3 persoas, dúas para conserxería e xestión do centro e outra para limpeza. Tamén se crearán empregos eventuais externos vinculados á programación como monitores, docentes, profesionais que impartan actividades ou artistas.

Nas Pontes aprobáronse tres axudas, a primeira delas de 288.814,95 euros para a reconversión do edificio principal do matadoiro municipal nun Centro Acelerador de Obradoiros Agroalimentarios que ofrecerá as súas instalacións aos pequenos produtores, especialmente aos de mel e hortalizas, que queiran iniciar a comercialización das súas producións sen ter que acometer un investimento inicial.

Outra partida, de 498.525,29 euros, servirá para a construción dun edificio industrial que albergará un centro loxístico que permita a almacenaxe e a distribución dos stocks almacenados no municipio.

Unha terceira axuda, de 445.400 euros, permitirá a posta en marcha dunha Entidade Urbanística de Conservación e Servizos para os Polígonos Empresariais das Pontes, que se enfocará a prestar servizos de dixitalización, eficiencia enerxética, economía circular e de identificación, promoción e execución dos proxectos europeos que se identifiquen como de interese para as empresas implantadas.

O obxectivo final desta nova entidade é o de crear novo emprego sostible no municipio e mellorar o atractivo dos polígonos ponteses para facilitar a atracción e implantación de empresas.

Os tres proxectos do Miteco para As Pontes crearán doce postos de traballo directos, coa posibibilidade doutras contratacións indirectas ou eventuais.

Algunhas novas relacionadas