A Deputación e o Concello da Coruña suman forzas para dixitalizar os 93 concellos cos fondos Next Generation

A Deputación e o Concello da Coruña unen as súas forzas co obxectivo de impulsar a creación na cidade dun centro nacional de referencia no ámbito das Tecnoloxías de Información e das Comunicacións (TIC) para a transformación dixital da administración local.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e a alcaldesa do Concello da Coruña, Inés Rey, asinaron hoxe un convenio de colaboración para planificar e deseñar conxuntamente a creación dun centro de innovación e servizos dixitais da administración local.
O proxecto, ao que poderán adherirse no futuro outras entidades e institucións da provincia, será presentado pola Deputación e o Concello á convocatoria de fondos “Next Generation” da Unión Europea para o obtención de financiamento.
Así o explicou o presidente provincial, Valentín González Formoso, que destacou a importancia de “unir esforzos para avanzar na transformación dixital da administración local” e explicou que unha das liñas de traballo para a creación desta nova infraestrutura é avaliar a súa posible integración na ‘Cidade das TIC da Coruña, mediante un futuro acordo coa Universidade da Coruña.
Pola súa parte, a alcaldesa Inés Rey destacou que “cómpre modernizar a administración local para lle dar un servizo máis eficiente á cidadanía e que estean integradas as demais institucións. O novo ente modernizará a administración local creando as súas propias tecnoloxías para incorporalas ao noso sistema e, deste xeito, axilizar os trámites coa veciñanza”, afirmou.

Un centro de referencia a nivel nacional

O Centro de innovación e servizos dixitais orientado á transformación dixital da Administración Local pretende ser un centro nacional de referencia especializado na transformación e a modernización da Administración local a nivel estatal e autonómico, aínda que cun foco moi particular no ámbito local da provincia da Coruña.

Ademais, contando coa previsión da creación dun polo tecnolóxico especializado en TIC na cidade da Coruña e vinculado á Universidade da Coruña, promoverase a apertura do mesmo á incorporación das administracións públicas de ámbito local, autonómico e estatal potencialmente interesadas, de tal xeito que podan aproveitarse ao máximo as sinerxias entre ambas iniciativas, así como promover proxectos conxuntos entre o novo polo TIC e o centro de innovación e servizos dixitais orientado á transformación dixital da Administración Local.

En definitiva, o que se procurará con este centro de innovación e servizos dixitais é que, grazas ao traballo conxunto dos equipos técnicos da Deputación da Coruña e do Concello da Coruña, poda acadarse a dixitalización integral das administracións locais, mediante o deseño e posta en marcha de proxectos de transformación co obxectivo último de favorecer, entre outras cuestións, a modernización administrativa, a mellora da eficiencia, a axilidade e calidade nos procesos e servizos dixitais das entidades locais, a interoperabilidade provincial, a ciberseguridade no ámbito da Administración Local e na súa relación coa cidadanía, a definición e seguimento da estratexia TIC da Administración Local, a cooperación,coordinación e impulso do goberno aberto e da inclusión dixital da cidadanía, as pemes e os autónomos.

Procurarse tamén a integración do centro de innovación e servizos dixitais orientado á transformación dixital da Administración Local na Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo da Deputación, así como a súa coordinación cos centros de coworking xa existentes, tanto no Concello da Coruña como no resto da provincia, contribuíndo deste xeito ao seu apoio, seguimento e asistencia técnica xeral e tecnolóxica para impulsalos e afianzalos no tempo.

A Estratexia Dixital da Deputación da Coruña

Este convenio enmárcase na senda da Estratexia Dixital da Deputación da Coruña, a cal pretende mellorar a calidade de vida da cidadanía a través dos servizos electrónicos, ao tempo que procura propiciar tanto a inclusión da sociedade neste eido mediante a súa capacitación, como impulsar a transformación dixital dos propios concellos.

Á hora de deseñar esta estratexia participativa levouse a cabo un diagnóstico da situación de partida, no que se puxo claramente de manifesto a necesidade de abordar o proceso de transformación dixital no ámbito da Administración Local.

No marco da estratexia, a Deputación traballa en colaboración cos concellos, os cales gozan de plena autonomía de xestión (tanto tecnolóxica como de organización), para determinar o nivel e o ritmo de avance da implantación da administración electrónica.

O enfoque de traballo seguido pola Deputación trata de xerar un contorno facilitador para a implantación da administración electrónica, contribuíndo a xerar unha dinámica que se adapte ao ritmo de cada concello. De feito, no marco desta Estratexia Dixital, a Deputación da Coruña está prestando xa o servizo de Sede Electrónica a aqueles concellos que así o solicitan. Actualmente están utilizando este servizo 72 dos 93 concellos da provincia, aos que proximamente se unirá un concello de máis de 20.000 habitantes como é o caso de Culleredo.

En definitiva, a Estratexia Dixital da Deputación da Coruña constitúe a folla de ruta que seguirá a entidade provincial nos vindeiros anos co propósito de liderar un proceso de cambio nas Administracións Locais, que garanta a calidade dos datos e a información manexada e converta a comunicación nun vector de chegada á cidadanía.

A dixitalización é unha prioridade política do Goberno provincial, xa que constitúe un instrumento que afecta transversalmente a toda a Deputación, engloba a toda a sociedade e supón unha clara ferramenta para impulsar o avance da provincia no seu conxunto.

Algunhas novas relacionadas