Os Socialistas de Malpica exisen a retirada da proposta de regulamento de control da pesca e consideran “que non ten sentido para a flota artesanal e de baixura”

“O que si demando como alcalde de Malpica é máis cota para os nosos mariñeiros, iso si é unha necesidade real para o sector”, asegura Walter Pardo.

 Os socialistas de Malpica apoian as demandas da flota artesanal local e demandan a retirada da proposta de modificación do Regulamento de Control da Pesca da UE.

Así figura nunha moción aprobada por unanimidade no último pleno municipal de Malpica, xa que considera que a proposta de modificación do regulamento “vai en prexuízo dos intereses da flota de pesca artesanal e do marisqueo de galicia”.

“A proposta non ten sentido para a flota artesanal e de baixura, fala de métodos de control das capturas que ao mellor teñen cabida nos grandes buques, na flota industrial, pero aquí en Malpica non”, asegura o socialista Walter Pardo, alcalde de Malpica.

A moción esixe ademais “dunha vez por todas unha definición europea clara e real do concepto de pesca artesanal baseada nunha definición multicriterio”

Por último, require “un tratamento distinto e diferenciado da frota de pesca costeira artesanal respecto ás frotas industrial e/ou semiindustrial, recomendándose para elo ás autoridades comunitarias un coñecemento real das características estruturais dos buques de artes menores, das zonas de pesca de desenvolvemento da actividade e da selectividade das artes e aparellos de pesca empregados”.

“Coa modificación, todos os buques de máis de 4 metros deberán notificar dende o barco as súas capturas, o que implica un descoñecemento da forma de traballo agrupada que normalmente desenvolven as embarcacións de artes menores que operan en Galicia”, engade o texto.

A modificación proposta na UE incide na implantación de cámaras “voluntarias” a bordo dos buques de máis de 12 metros de eslora, salvo para infractores, e entendéndose que esa voluntariedade será “premiada” con maior cota nas posibilidades de pesca.

“Non obstante, este aspecto é innecesario para a flota de artes menores tendo en conta o escaso número de especies sometidas a TAC´s e Cotas e capturadas pola frota artesanal galega, e tamén ao insignificante reparto de especies por buque”, asevera a moción apoiada polos socialistas.

“O que si demando como alcalde de Malpica é máis cota para os nosos mariñeiros, iso si é unha necesidade real para o sector”, remata Walter Pardo.

Saúdos, Socialistas de Malpica

 

Algunhas novas relacionadas