O PSOE Provincial da Coruña, moi satisfeito coa sentenza da audiencia que confirma que “O Pazo de Meirás é de titularidade pública”

Os socialistas discrepan de decisión do xuíz de aboar á familia franco os gastos de conservación desde 1975

A Agrupación Provincial Socialista da Coruña amosa a súa satisfacción polo auto da Audiencia Provincial que rexeita o recurso da familia Franco e confirma que o Pazo de Meirás é propiedade do Estado.

O PSOE considera que a sentenza pon en valor unha vez máis “o papel da Deputación da Coruña na recuperación do Pazo de Meirás, xa que impulsou a Xunta Pro Devolución do inmoble en 2017”.

Por outra parte, os socialistas non comparten a parte da sentenza que recoñece o dereito da familia Franco a ser indemnizada polos gastos de conservación do pazo desde o ano 1975.

“Á marxe deste punto que criticamos e non entendemos, temos que estar hoxe satisfeitos, lembrando a ofensiva institucional impulsada pola Deputación xunto aos concellos de Sada e A Coruña, á Universidade da Coruña e a numerosas institucións e asociacións de memoria histórica da provincia cun obxectivo común que entón semellaba realmente ambicioso e difícil de cumprir: devolver o Pazo de Meirás ao patrimonio público”, afirma o PSOE provincial.

O informe xurídico da Deputación presidida por Valentin González Formoso foi unha peza fundamental para demostrar o espolio, xa que foi o primeiro que apuntou a teoría dun ‘contrato simulado’ en 1941, co que os Franco trataron de apropiarse a título particular dun inmoble que xa fora adquirido en 1938 con achegas económicas de institucións públicas e presuntas doazóns particulares, que foron forzosas na maioría dos casos.

Desde a Deputación da Coruña instouse ao Goberno, presidido entón por Mariano Rajoy, a iniciar un procedemento xudicial para a recuperación do Pazo. A contestación oficial, da vicepresidenta Soraya Sáenz de Santamaría, foi que non era posible reivindicar este ben para o patrimonio do Estado debido a que se trataba dunha propiedade privada.

Tras a moción de censura en xuño de 2018, e xa con Pedro Sánchez ao fronte do goberno central, o executivo si foi sensible e entendeu a relevancia e a solidez xurídica e histórica dos argumentos.

Agora quedan por definir os usos futuros do Pazo de Meirás. O PSOE considera imprescindible “recuperar a figura literaria e feminista de Emilia Pardo Bazán, primeira propietaria deste inmoble; pero non podemos deixar de contar a verdade do que pasou, de reivindicar a memoria democrática que nos une como país e a dignificación que merecen as miles de vítimas da ditadura, que sufriron o exilio, o cárcere ou deron a súa vida na defensa da democracia e a liberdade da que hoxe gozamos de novo. É un deber moral non esquecelo”.

Saúdos, Comunicación PSOE Provincial

 

Algunhas novas relacionadas