Os Socialistas de Dodro critican a “denegación por parte da Xunta” do Programa Integrado de Emprego aos concellos da comarca, “mentres concede un a unha entidade como a Fundación Domus VI”

Os socialistas de Dodro consideran “un mazazo para toda a comarca no actual contexto de crise económica” a denegación por parte da Xunta de Galicia do Programa Integrado de Emprego (PIE) 2021 solicitado polos concellos de Dodro, Rois, Padrón, Rianxo, Pontecesures e Valga.

O PSOE de Dodro lembra que “na anterior convocatoria participaron 100 persoas dos concellos de Dodro, Padrón e Rois, e 65 están actualmente traballando”, o que reflicte a importancia deste tipo de programas.

Xabier Castro, portavoz da agrupación socialista e alcalde de Dodro, lamenta que a Xunta “rebaixe do ano pasado a este de 5 a 1,6 millóns o orzamento para este tipo de programas, polo que as concesións pasaron de 26 a 7”.

O PSOE local xa levou o tema ao Parlamento de Galicia a través do grupo socialista, que rexistrou unha pregunta para que a Xunta valore na Cámara “a denegación destes programas para os concellos e a concesión dun a unha entidade como a Fundación Domus VI”.

O programa presentado polos concellos do Sar incluía un proxecto formativo acorde ás necesidades e demandas actuais dos principais sectores industriais da comarca, aumentando de forma considerable a empregabilidade e as posibilidades de inserción laboral dos participantes.

Na iniciativa rexistrada no Parlamento, os socialistas de Dodro demandan tamén información “sobre os motivos que levaron a Xunta a reducir os PIE de 26 a 7 este ano, así como a relación das solicitudes procedentes dos concellos que foron denegadas”.

Saúdos, Socialistas de Dodro

 

Algunhas novas relacionadas